
O comezo deste estudo no ano 1900 non é arbitrario senón que resposta á carencia de datos para os anos inmediatamente anteriores. Agora ben, este feito non significa a inexistencia de emigrantes no concello posto que precisamente, todos os indianos locais emigraron a finais do século XIX. P.L. Gasalla sitúa o inicio da emigración masiva na área mindoniense costeira a partir do ano 1887 e incluso dez anos antes segundo Eiras Roel, quen sinalaba que cara a 1877 oito concellos da franxa cantábrica luguesa experimentaban unha emigración moi intensa: Barreiros, Cervo, Foz, Ourol, Ribadeo, Valadouro e Viveiro. No concernente ao Concello de Cervo e por extensión para toda a comarca, este feito está intimamente relacionado co peche en 1875 das fábricas de Sargadelos, que obrigou a moitas familias a emigrar. Nos anos posteriores preto de 1000 familias ausentáronse da zona. Esta corrente migratoria continuaba vixente á altura de 1889 e os xornais daban boa conta:
"Ayer hemos visto una caravana de emigrantes procedentes de Cervo. Casi todas las quincenas emigran para Buenos Aires de treinta a cuarenta vecinos de Cervo. Hemos hablado con uno de los que salieron de esta ciudad y de sus propios labios hemos escuchado que entre él y sus compañeros dejaron tres casas vacías y cerradas".
Corrente que non diminúe dez anos máis tarde (1899):
"En el área lucense es tanta la emigración que surgen protestas en la capital porque no hay carruajes para ir a las fiestas de Mondoñedo".
Centrándonos no perfil do emigrante cervense, observamos que non difire en absoluto da propia natureza da emigración galega, caracterizada por unha elevada taxa de masculinidade. Con todo, a situación varía a partir do ano 1928 no que o número de mulleres comeza a aproximarse ao de homes ata chegar incluso a superalo nalgúns anos. A resposta a este comportamento hai que buscala na estrutura demográfica da emigración galega: o feito de que só saian os homes facilita ou ben o retorno ou a reunificación do grupo familiar na outra beira do Atlántico e que se produce nun momento posterior. O incremento de mulleres significa que medra o número de familias que se reunifican, deducíndose polo tanto que nesta zona era habitual a emigración definitiva.
ANOS | TOTAL EMIGRANTES | |
---|---|---|
Homes | Mulleres | |
1900 | 19 | 6 |
1910 | 64 | 3 |
1920 | 305 | 208 |
1928 | 19 | 15 |
1929 | 9 | 12 |
1930 | 15 | 10 |
1931 | 1 | 4 |
1932 | 2 | 0 |
1933 | 1 | 3 |
1934 | 3 | 6 |
Respecto ao estado civil, evidénciase un predominio notable dos solteiros e solteiras, feito común en todas as parroquias e que está en relación cun posible retorno da persoa emigrada ou en caso contrario, prodúcese unha posterior participación da emigración dos restantes membros da familia. Un rasgo común en toda a Mariña Luguesa é que a emigración de homes casados é pouco representativa distinguíndose, pola contra, como unha área de emigración intensa de mozos solteiros.
ANOS | HOMES | MULLERES | ||||
---|---|---|---|---|---|---|
S | C | V | S | C | V | |
1900 | 16 | 3 | 0 | 6 | 0 | 0 |
1910 | 15 | 49 | 0 | 1 | 2 | 0 |
1920 | 244 | 59 | 2 | 150 | 46 | 12 |
1928 | 8 | 11 | 0 | 11 | 4 | 0 |
Un paso máis na nosa tarefa de elaborar o perfil do emigrante de Cervo vén constituído polo estudo da idade, do que se desprende que para todo o período os tramos que arroxan un maior número de emigrantes son, nesta orde: os de 21-30 anos, 11-20 e 31-40 anos. Trátase evidentemente dunha man de obra nova que marcha para traballar e labrarse un porvir pero que provoca coa súa marcha un desequilibrio na pirámide poboacional. Esta, naqueles anos de emigración intensa, reflectirá un predominio de persoas de idade avanzada fronte á ausencia de mozos e que dá como resultado unha baixa natalidade. Outro rasgo a ter en conta é que o número de mulleres supera ao de homes a partir dos 50 anos. Non se trata de cabezas de familia senón de sogras, cuñadas ou irmáns daqueles e que marchan anos máis tarde corroborando de novo a importancia do compoñente definitivo que presenta a emigración.
IDADE | HOMES | MULLERES |
---|---|---|
0-10 | 18 | 12 |
11-20 | 92 | 40 |
21-30 | 159 | 108 |
31-40 | 75 | 48 |
41-50 | 74 | 27 |
51-60 | 17 | 15 |
>60 | 4 | 16 |
Se afondamos no grao de parentesco, atopámonos con que as cifras máis numerosas corresponden aos fillos/as seguidas dos cabeza de familia.
Con todo, distínguense dúas tendencias: a primeira abarca os anos 1900 e 1910, caracterizados por un tipo de emigración individual na que predominan os cabeza de familia homes. Só se deron cinco casos para o ano 1900 de que emigrasen dúas ou máis persoas dunha mesma familia (fillos) e que se reduciron a dous en 1910. A segunda tendencia comprende os anos 1920 e 1928 e nela aparecen por primeira vez mulleres nas xefaturas de familia, aumenta o número de esposas emigradas e sobre todo, o de fillos e fillas. A emigración desenvolvida neste período posúe un carácter eminentemente familiar, xa que contabilizamos ata 73 casos nos que emigraron varios fillos dunha mesma familia. A cifra de matrimonios que marcharon cos seus máis achegados (fillos, irmáns, pais e sogros) tampouco é desdeñable: 27 casos. Segue a estes o número de cabezas de familia que emigran cun ou varios fillos, 19 casos e pecha esta cuantificación a cifra de matrimonios novos cun total de 10 casos.
O ano 1928 reproduce a mesma situación pero as cantidades son moi inferiores. Estes datos dannos pé para presupor unha vez máis a existencia dunha emigración sin retorno, característica desta zona.
ANOS | CABEZAS FAMILIA | ESPOSAS | FILLOS | OUTROS |
---|---|---|---|---|
1900 | 3 H | 0 | 16 H /6 M | 0 |
1910 | 56 H | 3 | 5 H | 3 H |
1920 | 54 H /14 M | 38 | 224 H / 126 M | 26 H / 31 M |
1930 | 7 H | 1 | 10 H / 9 M | 2 H / 5 M |
Podemos afirmar que o perfil do emigrante cervense resposta ao tipo de persoas novas, solteiras, homes na súa maior parte, de entre 15 e 30 anos e pertencentes a familias de labregos ou de mariñeiros. Só nos queda por sinalar os países americanos aos que marchaban e que se recollen na seguinte táboa:
ANOS | ARXENTINA | CUBA | URUGUAI | EE.UU. | CHILE | PANAMÁ | MÉXICO | BRASIL |
---|---|---|---|---|---|---|---|---|
1900 | 22 | 2 | 1 | |||||
1910 | 62 | 2 | 2 | 1 | ||||
1920 | 465 | 28 | 3 | 11 | 3 | 1 | 1 | 1 |
1928 | 31 | 1 | 1 | 1 | ||||
1929 | 20 | 1 | ||||||
1930 | 23 | 2 | ||||||
1931 | 5 | |||||||
1932 | 2 | |||||||
1933 | 4 | |||||||
1934 | 8 | 1 |
Observamos que o Concello de Cervo amosa un case único destino, predominante e persistente ao longo do tempo: Arxentina. Moitísimo menores son as cifras de quen se dirixe a Cuba, Uruguai e aos Estados Unidos. Con respecto a este último destino, destaca o feito de que a maioría destes emigrantes sexan naturais da parroquia de Lieiro e case todos mariñeiros ou de familia mariñeira. O certo é que salvo estes países, non podemos falar dunha diversidade ampla de lugares senón máis ben de destinos puntuais que entre 1910 e 1928 se dirixían a países como Chile, Panamá, México, etc.
Libro de Emigrantes Concello de Cervo (1929)
Folla dunha emigrante do Concello de Cervo