Economía Economía

Un dos factores máis relevantes de Cervo é a diversificación da súa base económica. Segundo os datos de 2010 do Instituto Galego de Estatística, a distribución da poboación ocupada de Cervo por sectores equivale a un 52% de ocupación no sector terciario (servizos), a un 39% no secundario (construción e industria) e a un 9% no primario (agricultura e pesca).

A comparativa cos mesmos datos de 2001 sinala que nesa última década o sector primario, que empregaba naquel momento ao 13% da poboación ocupada, e en menor medida Ao secundario (daquela do 43%), foron perdendo relevancia fronte ao sector servizos (44% en 2001).

Facendo un percorrido histórico sobre a economía de Cervo, cómpre destacar que o nacemento e despegue industrial tivo aquí moito que ver coa existencia de arxilas e caolín. A súa explotación permitiu a creación dunha industria derivada, como son as fábricas de ladrillos, tellas e, sobre todo, louza, que teñen a súa máxima representación en Sargadelos.

Na actualidade a principal industria é a empresa Alcoa Europe (situada entre a vila de San Ciprián -parroquia de Lieiro- e o concello lindeiro de Xove), que absorbe un importante volume de man de obra e xera un apreciable efecto multiplicador no municipio, máis concretamente no núcleo de San Ciprián.

A pesca ten tamén certo peso, e dela derivan varias fábricas de salgadura e conserva. Cabe destacar tamén aquí, aínda que nun plano máis industrial, o desenvolvemento de sectores como o da acuicultura a través das empresas Alrogal e Acuidoiro, asentadas no polígono industrial de Cuíña.

A actividade do sector terciario, a que máis despunta na actualidade, concéntrase sobre todo nos núcleos de Cervo e San Ciprián, que dispoñen de boa parte dos servizos comerciais e administrativos do concello. Destaca tamén o desenvolvemento do turismo, con maior incidencia na época estival.

Escudo
© CERVO 2017
Praza do Concello, s/n
27891 Cervo
Tel.: +34 982 557 777 - Fax : +34 982 557 729
CONÉCTATE A CERVO

O Concello de Cervo tamén está contigo nas redes sociais. Sigue toda a súa actualidade a través destas canles e participa!

  • Flickr
  • Twitter
  • Facebook
  • Youtube
  • RSS
  • Google+
  • Picasa