MUSEO PROVINCIAL DO MAR MUSEO PROVINCIAL DO MAR
 

O Museo do Mar nace en 1969, como froito da grande paixón do mestre D. Francisco M. Rivera Casás por recoller e coleccionar obxectos relacionados co mar. Dende os seus inicios pretende reflectir a vida mariñeira da costa lucense e amosar a súa riqueza biolóxica e etnográfica.

O edificio que serve de sede ao museo construíuse no ano 1931 para albergar a Escola Unitaria de San Ciprián, grazas á doazón de 60.000 pesetas de Don José M. Fernández Montenegro, emigrante en Arxentina e da súa esposa, Dona Manuela Goñi Maiste, quen cumpriu unha cláusula testamentaria do seu marido na que se dispoñía o diñeiro para construír o edificio.

O edificio do colexio foi construído sobre un solar de 1350 m2, cedido polo Concello de Cervo. Ao tratarse dunha escola mixta, o edificio foi construído de acordo cos usos da época, con dúas portas de acceso na fachada, dúas aulas moi grandes, e outras dúas portas na parte posterior de saída aos patios de recreo, un patio para os nenos e outro para as nenas que estudaban e xogaban separados por un muro.

Construído en pedra de cachotería con cercos de canteiría de granito en portas, ventás, cornixa e esquinas do edificio. A cuberta é de lousa, con tellas de cerámica como remate. Accédese ao mesmo por unha ampla escaleira de canteiría de granito.

Foi remodelado e ampliado pola Diputación Provincial de Lugo sendo Presidente Don Francisco Cacharro entre 1993 e 1994, sendo inaugurado o novo museo o 12 de agosto de 1994.

San Ciprián é terra de mar. É unha península, unha língua de terra que sae sen medo ao encontro do mar. Duro, perigoso, bravo, mais tamén unha porta aberta a novos mundos. Mundos descoñecidos, cheos de historias para seren contadas.

O noso Museo do Mar garda o reflexo da memoria do seu pobo, e é, sen dúbida, o seu mellor narrador. Estamos ante o museo do mar público máis antigo de Galicia e o máis accesible.

Por iso, o Museo do Mar de San Ciprián quere chegar a ser un modelo de museo accesible, adaptado, didáctico, aberto a todos os sentidos, inclusivo e con plena atención á diversidade, capaz de eliminar todas as barreiras de comunicación cos seus visitantes.  

HORARIO

INVERNO:

Martes a sábado:11:00-14:00 h e de 16:00 a 19:00 h

Domingos e festivos:11:00-14:00 h

VERÁN:

Martes a sábado:11:00-14:00 h e de 17:00 a 20:00 h

Domingos e festivos:11:00-14:00 h


TARIFAS / ACCESO

Pago: Tarifa gratuíta

Tipo de acceso: Libre/guiada


ENDEREZO

Avda. da Mariña nº 25

27890 San Ciprián

Tlf.: 982 59 45 72

Correo electrónico: museodomar@museolugo.org

Blog: hhttp://museodomar.blogspot.com/2010/10/la-inclusion-en-la-red-museistica.html

 

SECCIÓNS

O museo distribúe os seus contidos en catro salas e sete seccións temáticas.

ENTRADA E SALA 1:

0. A ESCOLA: Un museo de todos, para todos. O LATEXO DO MUSEO: motor do barco e arquivo fotográfico.

SALA 2:

1. A CARPINTERÍA DE RIBEIRA, O CASO DE SAN CIPRIÁN.

2. TIPOLOXÍA DE BARCOS A VELA CONSTRUÍDOS EN SAN CIPRIÁN.

3. A ARTE DE MAREAR: BUSCANDO O NORTE. Os instrumentos náuticos e a navegación astronómica.

SALA 3:

4. OS OFICIOS DO MAR.

5. HISTORIA DA PESCA EN SAN CIPRIÁN: ARTES E APARELLOS DE PESCA.

6. A VIDA MARIÑA, ALGO MÁIS CA PEIXES.

SALA 4:

7. OS CAZADORES DE BALEAS.

NO EXTERIOR:

Sitúanse as pezas máis grandes e pesadas do Museo: Dous canóns, un pertencente ao destacamento militar de San Ciprián e o outro pertencente a unha nave inglesa canoneada nestas costas. Tamén se expoñen vellas áncoras, hélices de naves fundidas en accidentes ou batallas ao longo da Mariña Lucense. 


ACTIVIDADES

Durante todo o ano, o Museo Provincial do Mar de San Ciprián ofrece un amplo programa de actividades. Entre elas están as actividades para grupos escolares:

A caza das baleas (Educación Infantil, 1º e 2º de Primaria)

Identificando baleas no Museo (3º e 4º de Primaria)

En Busca do Obxecto Misterioso (5º e 6º de Primaria)

Pescando polo Museo (1º e 2º de ESO)

En Busca do Barco Misterioso (3º e 4º de ESO)

Desenvólvese no Museo Provincial do Mar de San Ciprián a Revista Oral denominada "A VOZ DOS CARRAOS". Leva este nome pola ave típica da Mariña Lucense e por ser o alcume polo que son coñecidos os habitantes de San Ciprián. Lévanse realizados varios números e debemos destacar que se trata de recuperar a Cultura Oral da zona, co obxectivo de ser un foro de actualidade, de opinión e de debate.

Sala do museo
Escudo
© CERVO 2017
Praza do Concello, s/n
27891 Cervo
Tel.: +34 982 557 777 - Fax : +34 982 557 729
CONÉCTATE A CERVO

O Concello de Cervo tamén está contigo nas redes sociais. Sigue toda a súa actualidade a través destas canles e participa!

  • Flickr
  • Twitter
  • Facebook
  • Youtube
  • RSS
  • Google+
  • Picasa