
As Illas dos Farallóns (tamén coñecidas como "Farillós") son un pequeno arquipélago que xa era coñecido como "Trileucos" no século II a.C polos gregos, e está formado polas illas: O Pé, A Sombriza e A Baixa.
Están situadas a unha milla, fronte á vila de San Ciprián.
As tres illas que os conforman suman en conxunto 9 hectáreas de terreo, contando a maior das illas (A Sombriza) cunha extensión de 5,4 hectáreas. Son moi abruptas e rochosas, sendo unha delas dunha característica forma piramidal, moi elevada (O Pé).
A Sombriza: lonxitude 435 metros; superficie aproximada de 5,42 ha.
A Baixa: lonxitude 406 metros; superficie aproximada de 3,18 ha.
O Pé: lonxitude 104 metros; superficie aproximada de 4094 m².
As Illas Farallóns foron un habitual punto de naufraxio de barcos e un lugar de exquisitos percebes.
Na Illa da Sombriza, na cova de "Xan Vello" garda a Maruxaina a súa morada, a serea pola que cada segundo sábado de agosto se celebra unha festa de Interese Turístico Galego.