
No derradeiro tramo da Ría de Lieiro, aínda permanecen os restos de antigas instalacións que amosan a importancia deste Porto como punto de arribada natural de navíos dende tempos remotos. Un dos períodos de maior actividade é a época de funcionamento das Fábricas de Sargadelos, que durante moitos anos empregaron San Ciprián como porto de chegada de materias primas e de saída de produtos rematados.
Houbo sempre, en todo este entorno e en ambas marxes, varias instalacións deste tipo, que se adicaban principalmente á fabricación de embarcacións de madeira de porte medio e pequeno. Tamén as fábricas de salgadura e os aserradoiros de madeira contribuían a esta intensa actividade relacionada co mar da Ría de Lieiro.
Nesta ría xa se facían carabelas no século XIV, puidendo estas embarcacións ter de 100 a 300 toneladas. A súa actividade habitual era o transporte de mercadorías polos activos portos do Cantábrico, dende Galicia ao País Vasco, pero tamén estes mesmos navíos foron capaces de chegar a América con Colón. O calado da barra de entrada e as condicións da ría sempre limitaron o tamaño, xa que a profundidade da entrada non debía superar os dous metros. Estes barcos eran, polo xeral, lanchas de pesca a remo para a captura de baleas e sardiña e de barcos de carga a vela (aínda que algún pesqueiro tamén a levase).
Os barcos máis característicos que se construíron na Ría de Lieiro foron:
1.- Bergantín, con dous mastros e velas cadradas con foques no bauprés e unha cangrexa que se engadía ao velame do pao maior.
2.- Goletas de dous mastros pailebotes - con velas cangrexas e escandalosas, con foques e velas de coitelo, de 16,60 metros de eslora e 4,45 metros de manga.
3.- Bergantín-goleta de dous ou tres mastros, con velas cadradas no pao do trinquete e cangrexas e escandalosas no resto con foques e velas de coitelo.
4.- Quechemaríns de dous mastros, con velas de tercio e foques, que empregaban unha gavia libre en tempo de bonanza.
5.- Faluchos, que aparellaban unha vela latina no seu pao.
O material de construción era madeira de carballo das fragas de Trasbar e Castelo para todo navío, tanto o costume que se adoptou de forrar as quillas con chapas metálicas (século XVIII) como a aprición de decoracións nas madeiras (mascaróns de proa, no século XVII) e a aparición do complexo de Sargadelos, convertíu a carpintería de ribeira nunha industria complexa e potente, que chegou a traballar con planos e modelos a escala.
O máis lucido dos barcos que se fixeron en Lieiro foi o "Bella Anita", do armador Xacobe, que era un veleiro de tres mastros con aparello de fragata.
En 1960 construíuse o derradeiro cargueiro de madeira, o "Río Duero", de 26,30 metros de eslora e 6,90 metros de manga.
No ano 1991 tivo lugar a botadura na ría do último pesqueiro contruído nunha carpintería en San Ciprián, o "Carrumeiro" destinado a Sardiñeiro (Fisterra). (Construído na Carpintería de Ribeira Francisco Fra Rico).
Na actualidade, na vila de San Ciprián, consérvase a única Carpintería de Ribeira tradicional de toda a provincia de Lugo, e unha das 20 que podemos atopar en toda a xeografía da Comunidade Autónoma de Galicia.
Encóntrase situada na marxe dereita do río Covo, no lugar chamado Os Campos, no porto de San Ciprián. Son máis de 200 anos con sete xeracións ininterrompidas de carpinteiros de ribeira construíndo unha variedade extensa de embarcacións, tanto pola súa tipoloxía coma polo seu tamaño: Fermosos veleiros cos seus diferentes aparellos (Quechemaríns, Goletas, Pailebotes, etc.), embarcacións menores de vela latina, vapores, motoras, boniteiros, tarrafas, palangreiros, embarcacións de recreo de vela, remo, motor...
Actualmente a Carpintería de Ribeira ten activo un proxecto para a renovación total da nave. Constrúen todo tipo de embarcacións para pesca, empregan os cascos tradicionais de pesca para embarcacións de recreo, deseñando os seus interiores con tódalas comodidades que poden ofrecer os de poliéster e superando as súas condicións de navegabilidade, ofrecendo unha lonxevidade moi superior a outros materiais. Entregan o barco listo para navegar, con motor, electricidade, sistemas de navegación, etc.