
A tradición industrial de Cervo, desde antano, deixou pegada no territorio do concello, existindo os seguintes bens patrimoniais e empresariais:
- Restos arqueolóxicos das instalacións siderúrxicas
- Ruínas da antiga fábrica de louza
- Fábrica de Sargadelos
- Mina de Caolín
- Fragas de Rúa e de Trabar
- Alcoa
O conxunto Histórico Artístico de Sargadelos foi fundado a finais do século XVIII por Antonio Raimundo Ibañez, Marqués de Sargadelos, ao levantar unha fundición de ferro, e ao comezo do XIX as fábricas de louza e vidro. Existe máis información en paneis explicativos de Sargadelos.
Na actualidade, conta con dúas plantas de produción. Unha está situada no Castro de Samoedo, no concello de Sada (A Coruña), e outra en Sargadelos, no concello de Cervo (Lugo).
A existencia de minas de caolín foi decisiva para o establecemento de factorías cerámicas, das que era materia prima fundamental. Ademais, o caolín era exportado para a fabricación de importantes porcelanas.
Tamén favoreceu a implantación empresarial a riqueza arbórea do lugar, pola posibilidade do uso directo da madeira nos procesos industriais. Son destacables as fragas de Rúa e Trasbar.
A implantación da empresa ALCOA en San Ciprián suponlle ao Concello ingresos económicos importantes, xa que produce toda a alúmina e o aluminio privado que se fabrica en España, a metade dos laminados e boa parte dos extruídos. Para reforzar esta última área, algo máis frouxa que as anteriores, adquiriu unha planta de Reynolds en Izurzun (Navarra) e os seus almacéns. Desenvolve todas as aleacións de aluminio que utilizan os avións e as naves espaciais.
Cabe destacar na nosa industria outros sectores como o da acuicultura a través da empresa STOLT SEA FARM que en 2012 adquire as chamadas Acuidoro, unha granxa de rodaballos e Alrogal, un criadeiro de peixes planos ambas asentadas no Polígono Industrial de Cuiña ao igual que outro tipo de empresas que completan este polígono.