
O legado da historia de Cervo é rico e variado, sendo o máis destacable o Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos, que está formado polos seguintes bens patrimoniais: restos das instalación siderúrxicas, Antiga Fábrica de Louza, a presa, Casa da Administración, Casa do Peso, Pazo de Ibañez, Xardín do Pazo de Ibañez, Paseo dos Namorados, estrada de peaxe, Igrexa de Santiago de Sargadelos e cemiterio.
Arqueoloxicamente son destacables os Castros de Rueta e Castelo. O de Rueta está situado na parroquia de Santa María de Cervo, nunha punta mariña, na praia do mesmo nome. Ten unha importante liña de defensa con dous fosos anchos paralelos e un pequeño interfoso.
O castro de Castelo, chamado o Castro, situado na parroquia de San Xulián de Castelo, encóntrase practicamente destruído, conservándose unicamente parte do parapeto noroeste.
Tamén forma parte do legado da historia a Mina de Caolín, a “Ponte Romana” e o Pazo de Pedrosa.
A importancia da existencia de minas de caolín de excelente calidade nesta zona do norte da provincia de Lugo foi decisiva para o establecemento de factorías cerámicas, das que era materia prima primordial, sendo exportado para a a fabricación de importantes porcelanas.
A popularmente coñecida como Ponte Romana é unha construción medieval, da Baixa Idade Media, situada na zona do Bao e levantada para facilitar a comunicación de San Ciprián coa sede parroquial. Presenta un arco oxival de grandes dimensións.
Outro edificio que forma parte do legado histórico é o Pazo de Pedrosa, situado preto do porto de San Ciprián, na parroquia de Santa María de Lieiro. Nel instalouse O´Connor, quen cambiou o seu apelido polo de Pedrosa.
Tres escudos coroan a porta principal do pazo.
No seu interior colocouse un mascarón da nave, que segundo conta a lenda, trouxo oestranxeiro a estas terras.
Antiga carretera de peaxe
Pazo dos Pedrosa
Ponte Medieval en O Bao (Lieiro)
Minas de caolín (San Román)