
ISAAC DÍAZ PARDO
(Santiago de Compostela 22/08/1920 – A Coruña 05/01/2012)
Isaac Díaz Pardo naceu en Santiago de Compostela en 1920, na Casa da Tumbona da Rúa das Hortas. A actividade do seu pai, o pintor e escenógrafo Camilo Díaz Valiño, propicia un ambiente artístico e intelectual que nutre ao receptivo rapaz e que o marca, pois sempre acompañou a seu pai no traballo de escenografía, caligrafía, ilustración e pintura. Cando Isaac era aínda un neno, no domicilio dos Díaz Pardo, que era taller, estudio, biblioteca e museo ao mesmo tempo, reuníanse os homes do galeguismo e por alí pasaban os máis importantes intelectuais, políticos e artistas do momento, polo que a súa educación estivo marcada polo contacto con galeguistas como Pedrayo, Castelao, Cabanillas, Ramón e Antón Vilar Ponte, e Risco entre outros. Xa en 1932 participou no Salón de Belas Artes Ultreya, organizado no Círculo Mercantil compostelán, e en 1936, con quince anos de idade, implícase na campaña a favor do Estatuto de Autonomía, iniciándose o seu compromiso con Galicia.
En 1939 trasládase a Madrid para estudar na Escola Superior de Belas Artes de San Fernando, onde remata a carreira completando os catro cursos en dous anos. En 1940 obtén unha bolsa de Artes Plásticas da Deputación Provincial da Coruña finalizando a súa formación cunha viaxe a Italia, onde visita os museos de Roma, Siena e Florencia, de transcendental importancia para a súa posterior traxectoria pictórica.
Ao seu regreso inicia, cunha exposición na Coruña, unha etapa de dedicación plena á pintura expoñendo a súa obra en Madrid e en Londres, con gran éxito de público e de vendas que abandonaría no momento en que se erixira como o valor máis consagrado da plástica galega, en 1948. Tal decisión empezouse a fraguar durante un viaxe que realizou a Londres en 1946, onde estableceu contacto cos exiliados políticos españois, e tivo moito que ver a súa conciencia social da arte. Non obstante, todos os críticos coetáneos que se ocuparon de analizar a súa obra recoñeceron a valía de Díaz Pardo como pintor.
Intentado fuxir do ambiente opresor dos anos da posguerra en Madrid, abandona o seu domicilio na capital e regresa a Galicia para instalarse no Castro de Samoedo, moi preto da vila de Sada. Coa experiencia acumulada no taller do seu pai e dos seus estudos, Isaac montou un laboratorio nunhas instalacións auxiliares do Pazo do Castro para estudar os caolíns que servían de materia prima ao vello Sargadelos, coa finalidade de coñecer as súas virtudes para realizar una cerámica moderna e de calidade. Entre 1946 e 1949, coa colaboración de Jacinto Alcántara, director da Escola de Cerámica de Madrid, fanse os primeiros ensaios de caolíns e o resultado positivo da experiencia fixo posible que en 1949, con Xosé Rei Romero e Federico Nogueira Pazo como socios, se constituíse a Fábrica de Cerámicas do Castro.
En 1954 Cerámicas do Castro, tecnicamente asentada e consolidada comercialmente, vese sumida nun problema que Isaac tivo que afrontar mobilizando a todos os fabricantes de louza de España para frear o intento do goberno español de venderlle o caolín de Burela aos alemáns, que quedaran sen os caolíns de Setzliz dos que se abastecían antes da Guerra Mundial, e que agora ficaran en zona de influencia soviética polo que non podían acceder a eles. As virtudes da planta de cerámica do Castro de Samoedo chegaron á outra beira do Atlántico e, en 1954, Núñez Búa volve a Galicia do seu exilio e visita a Díaz Pardo para propoñerlle instaurar unha fábrica de cerámica na Arxentina e alí acepta montar a Fábrica de Porcelanas Magdalena, nunha vila situada a 108 quilómetros de Bos Aires, e faise baixo os auspicios dunha sociedade denominada Celtia S.A., da que formaban parte Cerámicas do Castro e moitos dos exiliados galegos, presidida por Xosé Villamarín Prieto, que tamén era presidente do Centro Galego.
Durante os anos de Magadalena, Díaz Pardo consolidou e perfeccionou os seus coñecementos técnicos como ceramista sen abandonar as responsabilidades contraídas no Castro. A estadía arxentina supúxolle a Díaz Pardo moito máis que ampliar a experiencia do proceso industrial e comercial do Castro, posto que foi o reencontro coa Galicia do exilio e con Luís Seoane, pintor, poeta, editor e un grande intelectual e teórico da arte e o deseño galegos, a quen coñecera xa antes da guerra no taller do seu pai. Separados polo conflito bélico, Luís Seoane e Díaz Pardo mantiveron una ampla relación epistolar e Isaac colaborou dende Galicia na revista Galicia Emigrante que Seoane dirixía en Bos Aires.
Na capital arxentina, Isaac mantivo tamén numerosas reunións con Seoane e cos demais intelectuais galegos exiliados (Eduardo Blanco Amor, Antonio Baltar, Arturo Cuadrador, etcétera) e entre todos foron concibindo diversas actuacións tendentes a recuperar a memoria histórica de Galicia. Así, fundaron en 1963 o Laboratorio de Formas, ao que se incorporaría posteriormente o arquitecto Andrés Albalat. Dende esta institución irían tomando forma proxectos como o Complexo Industrial Sargadelos (en convenio con Cerámicas do Castro) e Edicións do Castro (ambos en 1963), o Real Padroado de Sargadelos (encargado da protección do recinto do primitivo complexo, declarado en 1972 Conxunto Histórico-Artístico), o Museo Carlos Maside (1970), o Instituto Galego de Información (a partir dunha idea do xornalista Lorenzo Varela) ou o novo Seminario de Estudos Galegos.
A idea que presidiu a fundación do Laboratorio de Formas foi a de restaurar a memoria histórica de Galicia. Para iso, unha parte da actividade se encamiñou á reprodución de obxectos industriais cerámicos nos que estarían presentes os deseños tradicionais galegos, e por outra parte, a recollida, estudo e divulgación da obra que tentou renovar as artes galegas tratando de conxugar a tradición coas novas ideas estéticas. O Laboratorio de Formas tivo gran influencia no posterior desenvolvemento da actividade de Díaz Pardo, pois a partir del perfilouse a súa posterior actividade empresarial e artística ligada ao relanzamento do sentimento galeguista, como foi a formación das Edicións do Castro (1963), o Complexo Industrial de Sargadelos (1963/1970), o Museo Carlos Maside (1970), o Seminario de Sargadelos (1972), o Instituto Galego de Información (1977) e o impulso dado á restauración do Seminario de Estudos Galegos.
Consolidadas as dúas empresas cerámicas, a do Castro en Sada e a da Magdalena na Arxentina; o Laboratorio de Formas foi o lugar onde se planificou a idea de restaurar a produción cerámica de Sargadelos. Aquela empresa, fundada no ano 1791 polo galego-asturiano Antonio Raimundo Ibáñez, foi a primeira siderurxia integral española e foi promovida nun primeiro momento para producir manufacturas militares. Pouco despois, tras o descubrimento duns depósitos de caolín próximos, levantouse unha industria cerámica para a produción de vaixelas, sendo novo o emprego da técnica da decoración mecánica do estampado.
En 1809, no transcurso da guerra da Independencia contra o francés, Raimundo Ibáñez morreu asasinado nas rúas de Ribadeo, nun escuro feito aínda non totalmente esclarecido, mais mesturado con vinganzas persoais e, sen dúbida, comerciais. A desaparición do fundador da industria non provocou o seu remate inmediato, xa que puido manterse ata 1875, data en que pechou definitivamente, o que provocou o progresivo deterioro das instalacións, situación que se prolongou ata que en 1963, Díaz Pardo se empeñou na recuperación da empresa, proceso que aínda se prolongou ata o ano 1970.
En 1968 Cerámica de Sargadelos, empregando as materias primas dos depósitos de caolín, iniciaba as probas nunha pequena planta experimental e o 10 de maio de 1970 inaugurou unha planta circular, que foi o núcleo principal da nova industria, que se levantou prudentemente separada das ruínas da antiga empresa para así evitar o seu deterioro e desaparición definitivos. En 1972 o Laboratorio de Formas, tentando preservar o recinto no que operou o vello complexo de Sargadelos ata 1875, solicitou para el a declaración de Conxunto Histórico-Artístico, conseguida case inmediatamente e propiciando a constitución do Real Padroado de Sargadelos co fin de ter ao seu cargo o coidado, protección e reconstrución das antigas dependencias.
O crecente éxito da industria de Sargadelos, convertida axiña nun exemplo do progreso industrial e empresarial galego, serviu a Díaz Pardo e aos seus colaboradores para considerar a posibilidade de que a empresa se puidese mostrar como unha embaixada e exemplo dese sentimento galeguista que dende anos atrás propagaba Díaz Pardo con moitas das súas actuacións artísticas e empresariais, todo iso coa idea de renovar e patentizar todo o que cultural e historicamente caracterizaba e definía a Galicia, facéndoa singular con respecto ao resto dos territorios da Península Ibérica.
Os prototipos da cerámica de Sargadelos nacen da idea de Seoane de querer enriquecer o mundo coa nosa diferenza e a do compromiso social das formas de Isaac. Estúdase a cultura galega desde o paleolítico ata hoxe, os códices medievais, a arquitectura popular, as formas das casas mariñeiras, as xoias castrexas, o románico e o barroco, pero tendo en conta tamén os movementos artísticos máis modernos. Poucos días despois da posta en marcha da planta circular de Sargadelos inaugurábase o Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside, que recollía a obra e a documentación do movemento renovador da arte galega e cumpriu tamén un enriquecedor labor de información e fomento de actividades culturais.
Paralelamente á Fábrica de Sargadelos, en 1972 foi creado o Seminario de Sargadelos, que colabora con todas as empresas do grupo, prestando función de control e investigación técnica, de imaxe e de comunicación. Desde a súa fundación, este dedicou unha boa parte dos seus esforzos á realización, no mes de agosto, duns encontros estivais, centrados nas experiencias de tecnoloxía e escola libre de cerámica, acompañadas de seminarios sobre temas de deseño, arte, empresa, cine…Por estas experiencias de Sargadelos pasaron preto de dous millares de participantes de todo o mundo. Por outra parte, o Instituto Galego de Información constituíuse en 1977 e completou as tres frontes ideadas por Seoane e Díaz Pardo: arte, industria e comunicación, para a actuación do Laboratorio de Formas. Por este motivo, naceu coa idea de crear un grupo de opinión que mellorase a información e a comunicación en Galicia.
En 1979, ao falecer Luís Seoane, Díaz Pardo asumiu en solitario a coordinación do Laboratorio de Formas e a dirección das empresas do Grupo Sargadelos e despregou a súa faceta de deseñador industrial con máis intensidade; estruturas arquitectónicas, mobiliario e todo tipo de obxectos funcionais que dotan ás súas empresas dunha fisionomía industrial ao servizo dun proxecto cultural para Galicia.
En 1984 Sargadelos inaugurou unhas novas instalacións, máis axustadas ás súas necesidades, deixando na planta circular un centro experimental de deseño e construción de modelos e diversas coleccións museísticas. En decembro de 2001, Díaz Pardo promove a creación da Fundación Sargadelos, que ten por obxecto "o estudo da cultura industrial de Sargadelos, a divulgación do seu significado histórico, a protección da súa denominación e a defensa da súa memoria".
Como recoñecementos á súa traxectoria, Isaac Díaz Pardo recibiu numerosos premios e distincións, entre os que destacan: Pedrón de Ouro -1976-, Medalla de Ouro e fillo predilecto da cidade de Santiago de Compostela-1988-, Premio Otero Pedrayo -1990-, Insignia de Ouro da Universidade de Santiago -1991-, Doutor Honoris Causa polas facultades de Bioloxía e Historia da Universidade de Santiago, arquitecto honorífico do Colexio de Arquitectos de Galicia -2001- e outras moitas distincións.
Díaz Pardo tamén cultivou o ensaio e a crítica, produción entre a que habería que subliñar os libros: Xente do meu Rueiro, Bos Aires, 1954; Midas. O ángulo de pedra, Bos Aires, 1956; El ceramista Arranz y su escuela, A Coruña, 1960; Galicia Hoy, en colaboración con Luís Seoane, París, 1965; Paco Pixiñas, en colaboración con Celso Emilio Ferreiro, cartel de cego, A Coruña, 1970; A Nave Espacial, cartel de cego, A Coruña, 1970; El Marqués de Sargadelos, cartel de cego, A Coruña, 1970; Castelao, cartel de cego, A Coruña, 1985; Galicia hoy y el resto del mundo, A Coruña, 1987, ademais de diversos traballos xornalísticos, principalmente de historia contemporánea.
O espírito de traballador incansable de Díaz Pardo fixo necesario este recoñecemento por parte do Concello de Cervo, destacando a súa faceta como creador dun complexo industrial e cultural decisivos para o desenvolvemento de Cervo, sen esquecer a súa poliédrica personalidade artística e intelectual como debuxante, cartelista, escritor, colaborador en catálogos e obras colectivas e a súa continuada presenza nos medios xornalísticos, na súa sección Crónicas inconformistas no xornal La Voz de Galicia. A inxente actividade rexeneradora promovida por Isaac Díaz Pardo atinxe todo tipo de actos e iniciativas nas que se plasma a súa idea, afastada das visións folcloristas, dunha nación galega proxectada cara o futuro.