
O CONCELLO DE CERVO CELEBRARÁ A XXXV FESTA DA MARUXAINA O SÁBADO 13 DE AGOSTO
Haberá actividades para todos os públicos, xogos na praia, animación musical nas rúas, o tradicional desembarco e xuízo popular á Maruxaina, gran queimada popular e verbena
Haberá un posto de seguridade, instalarase un Punto Lila, e os baños públicos, que se incrementarán con respecto a edicións anteriores, estarán sinalados nun plano nun panel que se instalará en San Ciprián e que tamén se difundirá nas redes sociais
Como novidade, desde a organización e en colaboración coa hostalaría local, poñerán a disposición das persoas asistentes un vaso único reutilizable “a fin de incidir no respecto á contorna e reducir ao máximo a xeración de residuos”
O Concello de Cervo celebrará a XXXV Festa da Maruxaina o sábado 13 de agosto. A cita foi presentada polos concelleiros de Deportes, de Medio Ambiente, e de Servizos Sociais, David Rodríguez, Mali Méndez e Pilar Armada, respectivamente, e por unha representación das asociacións A Anxuela e Amigos da Maruxaina, que organizan a festa.
Ese día 13 serán os actos centrais, pero xa o venres terá lugar a Pre-Maruxaina co gran chupinazo ás 19:00 horas, seguido da concentración de Maruxainos e Maruxainas na Praza dos Campos, onde haberá degustación de empanadas típicas galegas e bolos preñados. Ás 21:00 horas está previsto o nomeamento do Maruxaino e da Maruxaina de Honra 2022, a cargo da Asociación Amigos da Maruxaina.
Xa o sábado, 13 de agosto, será o día grande, que estará animado desde primeira hora polo ritmo de diferentes charangas e gaiteiros. Á tardiña están previstos, como viña sendo tradición, os xogos populares na praia.
Xa ás 23:00 horas será o desembarco da Maruxaina na Praia do Torno. Durante o traxecto as persoas asistentes poderán gozar dun espectáculo de fogos de artificio.
Ás 00:00 horas será o gran xuízo popular, seguido dunha degustación de balde de queimada na Praza dos Campos.
A continuación, haberá verbena na Praza dos Campos
Solicitude de pases, restricións de tráfico e aluguer de tableiros
Desde o venres 12 de agosto, a partir das 15:00 horas ata o domingo 14, ata as 15:00 horas, por motivos de seguridade e co único fin de facilitar o bo discorrer da festa, o Concello de Cervo realizará modificacións e restricións no tráfico rodado de San Ciprián.
En concreto estará cortado todo o acceso rodado na Avda. da Mariña, Rúas Aduana, Campos, Torno, Beiramar, Caosa, Hospital, Miramar, Anxuela, Coto e Penamea; Prazas do Lugar e Penal; e Zona do Porto de Arriba. Estes cortes terán a excepción dos vehículos con pase, de emerxencias, reparto e servizos municipais.
Desde o xoves, 11 de agosto, ás 23:30 horas, estará prohibido o estacionamento na Avda. da Mariña, Rúas do Torno, Beiramar e o aparcadoiro fronte á Casa do Mar.
Os pases, que tan só lle serán facilitardos a aquelas persoas que demostren que teñan garaxe nesas zonas, poderán solicitarse desde o día 1 e ata o 10 de agosto; na Casa da Cultura. Será desde o día 2, en horario de 12:00 a 14:00 horas, cando poderán recoller.
Tamén estará dispoñible o servizo de préstamos de taboleiros para xantar na praia, baixo fianza. Poderanse solicitar desde o 8 ata o 11 de agosto na Casa da Cultura. O material estará dispoñible no Torno o día da Festa; e deverá ser devolto en canto pase a Maruxaina.
Desde o Concello de Cervo animan a veciños e visitantes a volver desfrutar desta Festa declarada de Interese Turístico Galego, que é un reflexo da unión de San Ciprián co mar. Traballamos –engaden- para que a harmonía reine no pobo durante a celebración dunha festa na que as tradicións familiares se misturan coa xente nova, e hai que tentar sempre que a diversión sexa o máis sana posible; que siga quedando ese espírito orixinal da celebración”.